venres, 14 de maio de 2021

Pollokshields: O poder da Comunidade // Pollokshields: The power of the Community #Pollockshields #RefugeesWelcome #Glasgow #HHRR #Scotland #PeopleMakeGlasgow

  Que se lle pasou á Oficiña de Emigración británica pola cabeza cando decidiron ir a #Pollockshield, un barrio de Glasgow, de maioría veciñal musulmada, en plena celebración do Eid (fin do Ramadán) a deter a dous veciños para deportalos? Que estaban pensando? Moitos ven nesta acción un xesto máis que deliberado polo marcado da data e polo que acontecía tamén en Escocia no día de onte. 

Onte en Holyrood, Parlamento escocés, tiña lugar a toma de  posesión dos escanos os deputados e deputadas que saíron elexidas das eleccións do día 6 de Maio. 

A acción da Oficiña de Emigración tivo lugar nada menos que na circunscripción de Nicola Sturgeon, namentras ela recordaba que o SNP, seguindo a tradición constitucional escocesa, xuraba lealtade ao pobo soberano de Escocia. 

O que aconteceu onte en Kenmure Street foi unha lección de dignidade, de orgullo da comunidade. Veciños que se lanzan ás rodas da furgoneta do Ministerio de Interior para evitar que poidan sair e permanecen alí, inmóviles ata que os liberan; veciños que pouco a pouco van dando a alerta e avisando a todo o mundo; movemento tolo nas redes, mobilización social: "Non son estranos, son os nosos veciños", "Deixádeos en paz, deixádeos ir" "Decide alto e claro: os refuxiados están benvidos aqui" e outras moitas consignas empezan a soar insistentemente. 

Policía que chega e que rodea a furgoneta de Emigración; activistas que esixen aos policías que dean auga e comida aos detidos, concelleiros e deputados que se achegan e moita, moita tensión política xa que tanto o Ministro de Xustiza en funcións, Humza Yousaf coma a Primeira Ministra en funcións, Nicola Sturgeon anuncian xestións desesperadas para evitar a deportación e liberar aos dous homes.

Finalmente, tras 8 horas, Aamer Anwar (recoñecido avogado de Dereitos Humanos e coñecido aquí por ser o avogado de Clara Ponsatí), anuncia que os detidos serán liberados, que quedan baixo a súa custodia e que irán á mesquita. A Policía de Escocia emite comunicado urxente anunciando a liberación de Sumit Shedev e Lakhvir Singh.

Camiñan. Moita emoción contida. Detrás deles, toda unha comunidade que esta noite, sen dúbida, durmiron orgullosos de ter demostrado que a presión social é máis grande que todas as políticas racistas e fascistas do Governo británico. A xente fai Glasgow e Glasgow fai á xente. As vidas dos refuxiados, importan.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario