Hai eventos e actividades que
pasan desapercibidos. Nunca van ser informados e, e por suposto, nunca van
acadar portadas nin cabeceiras de televisión.
Tan só os medios humildes como o
meu blog ou algún xornal coma o The National foron quen de recoller esta
inmensa aventura que foi percorrer Escocia camiñando 500 millas.
Para unha compostelá de nacemento
coma min, o reto de camiñar tan longa distancia con propósitos tan nobres,
chamou a miña atención de inmediato. 500 millas... 800 km. Aproximadamente a
mesma distancia que o Camiño de Santiago.
A canción “I would walk 500 miles”
dos Proclaimers foi o que serviu de inspiración a Dave Llewellyn para organizar
esta actividade. Entereime do evento polo xornal
escocés The National porque os propios Proclaimers apoiaron a iniciativa.
Saíron de Portree (Illa de Skye)
sete camiñantes, sete activistas. Tan só cinco deles foron quen de lograr os
tramos completos. O máis maior do grupo, Jim, de 65 anos, foi o único que
sorprendentemente non sufriu as terribles bochas nos pés. De brincadeira chámanlle
“Duracell Jim”
Dende Compostela estiven seguindo
o seu avance con moita admiración. Non é doado camiñar longas distancias, e
quen o dubide e pretenda minimizar esta fazaña, anímolle a predicar co exemplo
e a camiñar 500 millas.
Sentín unha emoción especial entrevistándoos
por vídeo conferencia para que me contasen das súas impresións nos distintos
tramos, do seu avance e de como eran recibidos en áreas que en
2014 votaron NON á independencia ou en zonas pro-Brexit.
Toda esta aventura acadou
especial relevancia cando os camiñantes chegaron a Dunblane, o meu pobo en
Escocia. Alí foi todo máis emotivo e intenso xa que foi un pracer ver aos meus
amigos brindándolles apoio e acompañándoos. Recibir as fotos e vídeos do meu
colega Rick McGregor enchíame de ledicia e de orgullo.
Mais alí tamén empezaron os
problemas coa HES (Historical Enviroment Scotland), xa que foron expulsados da
explanada do aparcamento do Castelo de Stirling.
Ao parecer a alguén lles
molestaba que se fixeran fotos coa bandeira do país e alegaban que non se
podían “politizar” os lugares históricos. O argumento da HES é completamente
absurdo e máis tratándose dun monumento tan insigne e cun peso tan enorme na
historia de Escocia.
Pero si algo é palpable e evidente en Escocia nestes
últimos meses é o nerviosismo de moitos Tories e Laboristas que se manifesta en polémicos movementos de organizacións unionistas como Scotland en Union.
Prometín unirme á camiñada no
último tramo, pero previamente os recibiríamos en Linlithgow, pobo de nacemento
da que foi raíña de Escocia, María Estuardo; quen por certo, morreu decapitada
por ordes da súa curmá Isabel I de Inglaterra.
Foi en Linlithgow onde puidemos
coñecer xa persoalmente a Laura, Wren, Jim, Karl, Dave, Dean e a todo o fenomenal
equipo de apoio. Había outro camiñante que empezou máis tarde, Nick, e que
estaba completando a distancia camiñada ata acadar as mesmas millas que o resto
do grupo inicial.
A nosa decisión de acompañalos
durante a última xornada axudounos a entender moito mellor a complexidade do
seu cometido.
Dean, fotógrafo do grupo,
expresábao moi ben cando relataba o mellor e o peor do traxecto. Os pequenos
detalles cobraron máis e máis importancia a medida que deixaban atrás os tramos
programados.
“Mira...
un sorriso”, dicíame Dean.
A linguaxe corporal da xente ao
seu paso converteuse nunha transmisión de empatía. Tamén as mostras espontáneas
de xente que os paraba na estrada para darlles comida ou doazóns, ou lles ofrecían
cama e almorzo.
Levar a mensaxe da independencia
a pobos remotos en Escocia, pobos onde nunca evento algún tivo lugar, foi
acollido cunha emotividade e plasmábase con escenas de ledicia e de
agradecemento. Os camiñantes das 500 millas querían chamar a mobilización e o
conseguiron.
Dave, organizador do evento,
explicaba que a súa función non era convencer a ninguén ou facerlles cambiar de
opinión; si o conseguían , perfecto, senón, non pasaba nada xa que a súa
misión, clara e contundente, era alentar a todas aquelas persoas
pro-independentistas a moverse e empezar a facer campaña. Espertar a
conciencia. “Dende o sofá non facemos
nada... tampouco nas redes sociais, xa que estas son un vehículo, pero no a
práctica e o movemento que precisamos”
Xa dende o principio o grupo tiña
claro que non aceptarían desplantes e provocacións por parte daqueles que lles
chamaban tolos ou os insultaban, ou reaccionaban con ira ante as
saltires, ou as bandeiras do
Yes Indyref2. Non ían permitir
desprestixiar unha loita de esperanza dándolle relevancia aos tan negativos
abusos dalgúns nacionalistas británicos.
Mais aparte da independencia, os
camiñantes levaban consigo varias e moi importantes mensaxes.
Un dos argumentos máis usados
polos unionistas contra o movemento escocés pro-independencia é o de ser
anti-inglés. Dos sete camiñantes, catro deles son ingleses e levan anos vivindo
en Escocia e integrados completamente. Ningún deles sufriu abuso algún pola súa
procedencia de nacemento.
A chamada máis importante sen
dúbida era a campaña da “Blockchain democracy” ; unha campaña que é
unha aposta por un novo sistema electoral, que vai ser debatida no Parlamento de
Escocia e que evitaría fraude e irregularidades, especialmente no voto postal.
Ao calor disto, contábame un
activista que participaba nesta última xornada, que tiña probas de que tanto
durante a votación do referendo do 2014, coma das eleccións xerais ou as
locais, se tiñan detectado moitísimas irregularidades. É máis, aseguraba que o
resultado do referendo de independencia foi amañado.
Teño que dicir, que voces
próximas ao Goberno escocés desmentiron esta afirmación xa dende hai moito
tempo.
Outra das mensaxes que o grupo
quería lanzar era a necesidade de concienciarse sobre os problemas de saúde
mental e sobre os efectos dos recortes e as políticas de austeridade dos
conservadores. Foi a propia Wren quen me explicou como lle preocupa o incremento de enfermidades
mentais e suicidios en Escocia.
E por suposto, querían chamar a
atención sobre o perigo real que ameaza ao Parlamento de Holyrood. Laura
falábame que as intencións de Londres de reter competencias e desmantelar a casa
da soberanía escocesa son evidentes no camiño de destrución do Brexit.
Laura
por certo, pasou semanas como observadora en Catalunya e ficou impactada pola
violencia policial do 1 de outubro. “Non
hai excusa posible. Isto non pode permitirse en ningún país de Europa”
A chegada á Bute House , ao lado
dos máis veteranos Jim e Dean, foi moi emotiva. Como emotivo foi acompañalos
ata Johnston Terrace, lugar onde daría comezo a manifestación de All Under One
Banner (Todos baixo unha mesma bandeira). Foi sen dúbida a meirande
manifestación pro-independencia da historia de Escocia.
Ao facer a análise final de como
un pequeno grupo puido axudar a cambiar a historia dun país cunha aventura así,
camiñando, ratifiquei que todo ser humano é importante; que todo ser, por
pequeno que se sinta ou que sexa, ten unha función e un efecto coas súas
accións no universo.