mércores, 26 de setembro de 2018

[Vello artigo] IRISH FIRST MOTHERS : A voz das verdadeiras vítimas (En memoria de Kathy McMahon, fundadora de Irish First Mothers) #bebésroubados #stolenbabies #Ireland #Irlanda


Hai xa meses dende que mandei este artigo en memoria de Kathy McMahon, fundadora de Irish First Mothers sobre os bebés roubados en Irlanda; por algunha razón que desconozo o artigo non veu a luz, polo que o comparto agora con vós, ao calor do que a prensa e a televisión están recollendo estas semanas. Sen dúbida, o tráfico de bebés é un asunto mundial e coa clara implicación de institucións relixiosas e mesmo de altos estamentos de poder. É precisa unha investigación a grande escala, tal e como ven recordando a ONU nalgúns casos. 




Este é o meu artigo. Agardo que vos guste

Hai unhas semanas tiven a honra de entrevistar a Kathy McMahon, fundadora da organización Irish First Mothers. A longa e  agradable conversa que mantivemos tivo lugar uns días antes de que ela emprendera unha viaxe a Xeneva e a morte a sorprendera de xeito súbito nesta cidade. Souben do seu pasamento xusto no momento no que estaba traducindo a nosa entrevista. Fiquei conmocionada.

Entendín que a mellor homenaxe que lle podía brindar era precisamente explicar a súa loita por unha causa que afectou e afecta a milleiros de mulleres. Irish First Mothers queda agora en mans das súas compañeiras que, por certo,  xa me transmitiron a súa intención de continuar ata chegar ao final. 

O noso primeiro encontro tivo lugar hai máis de dez anos. Contoume da súa traxedia, mais naquel momento o meu inglés era demasiado limitado coma para entrar en profundidades. Kathy non só foi vítima da subtracción do seu primeiro bebé senón que tamén sufriu a perda doutro fillo nun accidente de tráfico do que ela milagrosamente saíu con vida.

Existen casos de bebés roubados e tramas de tráfico humano en moitísimos países. Na maioría dos casos o común denominador é a carencia de lexislación que controlaba as adopcións e as persecucións e castigos infrinxidos ao sector feminino da sociedade por cuestións de raza, ideoloxía ou relixión; este tema sen dúbida semella un relato de terror ou suspense mais foi unha realidade que aínda agarda por investigacións adecuadas e reparación para as vítimas.  

O caso dos bebés roubados no  Estado español está dende hai anos en mans dos Tribunais e paralizado ata tal punto que en 2017 varias organización pediron reunirse co Presidente do Consejo General del Poder Judicial y del Tribunal Supremo  para urxirlle unha rápida resolución das miles de denuncias cursadas.


Como noutros moitos casos o tempo xoga en contra das vítimas.
En Irlanda, en concreto, as chamadas “mulleres caídas” son as protagonistas dunha realidade que deixa en evidencia como comunidades afíns á Igrexa Católica teñen moito que explicar, que reparar e polo que pedir perdón.

“Mulleres caídas... mulleres caídas” – repetimos ao unísono conscientes dos milleiros de mulleres que sufriron aldraxes, vexacións e maltratos continuados en mans de quen baixo o ultra-catolicismo irlandés esixía ás mozas pureza, boa conducta e exemplaridade. A penitencia que tiveron e que teñen que padecer estas mulleres é infinita aínda hoxe.   

Explicábame Kathy que ao igual que no caso español dos bebés roubados, existen dous períodos ben diferenciados que van dende 1922 aos anos sesenta e un segundo de 1966 ata fin dos anos noventa. As palabras soidade e vergonza son fundamentais para entender esta loita valente das verdadeiras vítimas do tráfico de bebés.

Reclaman xustiza, reparación e recoñecemento. Están fartas de seren acaladas.

Tedes apoio de asociacións de dereitos humanos ou de plataformas feministas? – pregunteille
“Absolutamente ningún apoio nin de plataformas feministas e, de feito, tampouco de organizacións políticas. Achegábanse a nós e en canto deixaban a parte compasiva e emocional e vían que había reivindicacións políticas e cuestións de dereitos humanos en xogo, a xente afastaba de nós”  contábame Kathy.

Un dos escándalos, o caso  das lavandarías da Magdalena,  é moi coñecido porque o filme “Las hermanas de la Magdalena” relatou dun xeito demoledor o que aconteceu neses centros. A Igrexa non tivo máis remedio que recoñecer as aberracións e pedir perdón.

Mais foi o escándalo de Tuam o que fixo que Irish First Mothers intensificara a súa acción dun xeito máis contundente. Oculto durante décadas, descuberto pola historiadora Katherine Corless en 2014 e confirmado oficialmente en 2017, este caso destapou a existencia dunha fosa séptica  onde  se atoparon centos de restos de bebés e que estaba situada nun antigo convento de monxas que funcionaba como “Fogar para nais e bebés”. O caso impactou ao mundo polo seu horror. Pero isto, segundo Kathy,  é tan só a punta do iceberg.

O catro de febreiro de 2017, Kathy McMahon en nome da súa organización enviou carta á Fiscal Xeral de Irlanda esixindo que o Estado iniciase unha investigación ao abeiro da Lei de Xenocidio de Irlanda.

Tuam sen dúbida, marca un antes e un despois. Había ducias de centros semellantes por toda Irlanda que funcionaron do mesmo xeito durante décadas. Acollían a mozas solteiras que “caeran en desgraza” coa súa preñez, en moitos casos froito dunha violación. Castigadas e rexeitadas pola sociedade ultra-católica, non tiñan máis opción que acudir a estes centros onde permanecían durante o período de embarazo, parían e posteriormente eran obrigadas a deixar ao seu bebé alí. Non tiñan outra opción. Moitos dos cativos e cativas que morreron neses centros non eran bautizados porque eran “fillos do pecado ou fillos concibidos fóra do sagrado matrimonio”, polo que tampouco se lles daba sepultura cristiá senón que eran depositados nunha fosa común.

Irish First Mothers creouse hai catro anos, en febreiro de 2014, como grupo de apoio a mulleres que sufriron o roubo ou subtracción por coacción do seu primeiro bebé. Mais tras o descubrimento das fosas de Tuam, no condado de Galway, decidimos emprender accións e formar parte activa para esclarecer a verdade sobre este tema” – explicaba Kathy ao tempo que me daba as razóns polas que queren que se investigue o tema como un caso claro de xenocidio e tamén como se lles impide ter acceso aos rexistros e á información esencial á que teñen dereito.

A cobertura nos medios de comunicación é fundamentalmente sensacionalista e ocultando en todo momento as cuestións de fondo. A fundadora de Irish First Mothers denunciaba un interese por parte das institucións por facer ver que os nenos e nenas roubados e que foron adoptados gozaron dunha vida mellor estando coas súas familias de adopción, maiormente pertencentes á clase alta e á elite irlandesa. Queren lavarlle a cara a esta violación sistemática de dereitos humanos. A traxedia das nais solteiras, as verdadeiras vítimas, agóchase. Moitas foron estigmatizadas de por vida, pero iso non se conta.

Fintan Dunne, parella de Kathy é o voceiro da asociación, foi elixido polo Goberno para formar parte da Comisión de Investigación. Pero a xestión da mesma e os obxectivos marcados pola Ministra de Irlanda para a Infancia e a Xuventude, Katherine Zaponne,  demostran que non hai intención real de investigar en profundidade.

“Estas mulleres merecen que todo o mundo coñeza a verdade; merecen xustiza e que o Estado asuma a parte das responsabilidades que lle toca.  Irish First Mothers non tiveron sequera a posibilidade de participar plenamente nesta Comisión, nin de ter acceso a toda a información. Todo foron trabas para intentar acalar  as súas voces” 

Por esta razón, Dunne denunciou que a Comisión é un lavado de imaxe do Goberno e que non se vai facer xustiza e decidiu abandonar o Comité chamando ao boicot do que cataloga como unha “farsa”.  A partires de agora as mulleres de Irish First Mothers terán que valorar e analizar os seus pasos seguintes. Unha loita de Davide contra Goliat pero que están dispostas a levar adiante.

Kathy McMahon iniciou un camiño complexo, pero cumpriu a súa misión:

“Como nai o meu rol en Irish First Mothers era axudar a concienciar ás mulleres dos seus dereitos, a eliminar a culpabilidade. Axudalas a crer en si mesmas e facer valer a nosa voz para acadar a xustiza, o recoñecemento e a reparación que merecemos”

A entrevista rematou cunha mensaxe de solidariedade para todas as mulleres de distintas nacións que non se renden na súas reivindicacións. Unha mensaxe de forza para continuar loitando por acadar a xustiza ata agora inexistente. A verdade ten que saír á luz. Esa mesma luz que nos deixou Kathy co seu exemplo e que vai servir de inspiración e guía a outras moitas vítimas dunha sociedade que as marcou para sempre.





Ningún comentario:

Publicar un comentario