Vímonos en Dublín o pasado 3 de maio, onde compartimos unha horas que
souberon a pouco. Kathy McMahon era unha desas mulleres ás que podería estar
escoitando durante días e eu estaba ansiosa por entrevistala dende había tempo.
Estaba comezando a traducir a súa entrevista cando a noticia da súa morte
repentina rompeume en dous. Ela estaba visitando Xeneva e a súa última foto compartida
nas redes sociais foi tomada onde a sé de Nacións Unidas.
A súa experiencia vital e o seu sufrimento impresionábanme enormemente, pero tamén a súa firme determinación á hora de
fundar Irish First Mothers (Nais primerizas irlandesas) e dar voz a máis de
setenta mulleres irlandesas que sufriron o roubo dos seus primeiros bebes.
Kathy insistía durante a entrevista e posterior conversa que o que querían
conseguir é xustiza, reparación e apoio social e público para as
mulleres ás que representaba; tamén puidemos
analizar as últimas mobilizacións do movemento feminista galego e falar do
debate sobre aborto que está tendo lugar en Irlanda e do referendo que se
celebrará a finais de maio.
Irish First Mothers fundouse para dar acollida e apoio ás verdadeiras
vítimas: as nais primerizas irlandesas que baixo coacción e contra a súa
vontade sufriron o roubo e posterior desaparición dos seus bebés.
Kathy tivo a sorte de poder reencontrarse coa súa filla case trinta anos
máis tarde pero a maioría non tiña esa “fortuna” nin recursos para poder
iniciar sequera un proceso de denuncia adecuado. Pobres contra ricos, ese é o
resumo.
Conseguiron que o Goberno da República de Irlanda iniciase unha Comisión de
investigación pero estaban indignados porque a voz das nais non ía ser
escoitada; denunciaba que dende esta
Comisión o que realmente se pretendía era branquear as conclusións con relatos
e testemuñas de nenos e nenas que foron subtraídos e posteriormente adoptados
por xente adiñeirada e que tiveron unha calidade de vida aceptable.
E esta non era a cuestión fundamental, explicaba Kathy: “queremos que se
investigue adecuadamente e en profundidade; queremos amosar ao mundo a terrible
realidade que vivimos. Violáronse dereitos humanos; o noso pode e debe de ser tratado coma un caso
de xenocidio e o que queremos é que se coñeza a verdade e que as verdadeiras
vítimas non queden deshonradas, rexeitadas, discriminadas nin abandonadas”
Kathy laiábase de que o tratamento deste tema por parte da prensa era
sensacionalista e sempre e unicamente cun enfoque emocional. En canto empezaban
a falar de pedir responsabilidades políticas facía presenza ese silencio
informativo que tan ben coñecemos.
Ao igual que o Estado español, Irlanda ten un historial traumático
relacionado en moitos casos con entidades católicas. O caso das chamadas
“mulleres caídas” reflexouse en filmes
coma “Las hermanas de la Magdalena” ;
outro caso, o escándalo de Tuam bateu forte en toda a prensa internacional logo
do descubrimento de centos de restos de bebés nun antigo centro de acollida
para nais solteiras.
Kathy faloume con detalle das chamadas “Lavandeiras da Magdalena” e das
“Casas para mulleres e nenos”. Dous
casos que son moi diferentes e que teñen en común que milleiros de mulleres
irlandesas foron maltratadas, ameazadas e estigmatizadas e onde tamén milleiros
de mulleres e nenos, o eslavón máis feble da sociedade, ficaron en mans de
mafias que traficaban con humanos impunemente. Terrible todo.
O caso dos nenos roubados é sen dúbida un tema complexo, delicado e que
require de adecuada e responsable resposta por parte dos Gobernos. É unha débeda
histórica que debe ser aceptada,
recoñecida e resolta. O papel das
institucións relixiosas, segundo as afectadas, foi fundamental neste macabra
historia e alguén terá que responder por isto. Non pode quedar no esquecemento.
A Asociación Irish First Mothers queda orfa agora. O voceiro da asociación,
o seu home Fintan Dunne, xornalista que conduce o blog Break for news , anunciaba con desolación o pasamento de
Kathy e deixaba a mensaxe de que outras mulleres seguirán o seu legado ata
acadar a xustiza e a reparación que estas vítimas merecen . Descansa en paz,
Kathy.
Ningún comentario:
Publicar un comentario