mércores, 28 de febreiro de 2018

Escocia e Gales: Un puñazo na mesa // Scotland & Wales bang their fist on the table #Devolution #PowerGrab #Brexit

ESCOCIA E GALES : UN PUÑAZO NA MESA

Os gobernos de Gales e Escocia dixeron basta. Fartos das incongruencias , as contradicións e a falta de transparencia dos negociadores británicos e ante a clara ameaza de recentralización de poderes coas novas leis do Goberno de May para a aplicación do Brexit, decidiron dar un paso ao frente e dar un puñazo na mesa.




Os ministros para o Brexit dos Goberno galés e escocés conxuntamente veñen de levar aos seus respectivos Parlamentos un proxecto de lei alternativa que se poñerá en funcionamento no momento en que as leis europeas queden derrogadas pola aplicación do Brexit.


En Gales, territorio laborista que votou a favor da saída do Reino Unido da EU, non houbo ningún problema. O Presidente do Parlamento aceptou a competencia da Institución para debatir e levar adiante tal iniciativa e todo semella indicar que esta lei será aprobada por maioría absoluta sen máis contratempo.

En Escocia, cun 62% a favor da permanencia na UE, foi diferente. Xa hai unhas semanas coñecíamos que o  Secretario de Estado para Escocia, David Mundell, eludiu estrepitosamente as súas responsabilidades ao non presentar emendas para protexer os estamentos nos que se asenta a autonomía escocesa; coñecíamos tamén que os deputados Tories escoceses en Westminster votaron en contra de emendas presentadas á desesperada polo SNP e Laboristas para tentar subsanar esta nada inocente neglixencia de Mundell.

Onte, nun movemento sen precedentes, o Presiding Officer do Parlamento escocés, baixo observación constante debido ao seu apoio ao grupo unionista Scotland in Union, entendeu que a lei alternativa presentada por Michael Russell  superaba as competencias de Holyrood. Non pensa o mesmo o máximo responsable da Xustiza en Escocia, o Lord Advocate, que deu o visto e prace;  as súas consideracións xurídicas non deixan lugar a dúbida: o movemento é legal e pode ir adiante.


A diferencia na cobertura da mesma noticia pola BBC Scotland e BBC Wales é abismal. Nótase pánico. A maquinaria da propaganda contra o Goberno do SNP leva en marcha anos, máis concretamente dende 2013.




A constante ameaza dun segundo referendo de independencia é o que marca a diferenza.
O “power grab”, o brutal ataque ás competencias dos parlamentos autonómicos é sen dúbida unha xustificación de peso para que a Primeira Ministra Nicola Sturgeon decida botar a andar algo que deixou parado ata saber máis detalles das negociacións entre Reino Unido e a UE.
Algo se move en Escocia. Dende Alex Salmond co seu programa na RT e agora o seu video-blog no The National; ata os grupos pro-independentistas agardando polo pistoletazo de saída.
O Goberno escocés vai máis alá. Coherente e transparente dende o primeiro momento, o seu esforzo céntrase en tratar de paliar os devastadores efectos que o Brexit vai ter na economía escocesa e nas políticas sociais que o SNP leva posto en marcha dende hai máis dunha década. A presentación dos últimos orzamentos dirixidos a fortalecer a economía do país e a creación dun Banco Nacional de Investimento son as máis recentes novidades.

Pero os meses vindeiros van ser definitorios e definitivos. Poderíamos dicir que marzo do 2019 está á volta da esquina e chegará a ritmo vertixinoso, con decisións radicais dende Escocia , Gales e Norte de Irlanda para enfrontar a radicalización cara a ultradereita dun Goberno Tory que non pensa dar marcha atrás.









Ningún comentario:

Publicar un comentario