Tempos interesantes, si, tempos
interesantes produto das nefastas políticas e mensaxes populistas, insolidarios
e xenófobos da dereita e extrema dereita británica e europea.
O referendo non era vinculante, terá que
ser aprobado en Westminster, onde semella reinar o caos non só entre os Tories,
senón tamén entre o Partido Laborista.
No caso dos conservadores a guerra
interna estaba clara durante a campaña e intuíase unha crise de maior
envergadura de gañar o Brexit. Crise gobernamental que é difícil prever como
vai rematar. Sucédense os nomes para substituír a David Cameron como Prime
Minister, pero ninguén deles é seguro.
No caso dos Laboristas, aos Blairistas
engádeselle a esta nova realidade a publicación, o 6 de xullo, do informe
Chilcot sobre a guerra de Irak, que pon a Tony Blair no punto de mira camiño dos
Tribunais de dereitos humanos. Quizais por iso, os seus partidarios estanse
apresurando en pedir a cabeza de Jeremy Corbyn como líder laborista, sementando
con iso outra fumareda de confusión.
En Irlanda do Norte, o Sinn Féin
apresurouse a pedir un referendo para decidir a unificación das dúas Irlandas
moi preocupado por que as condicións do “Acordo de Venres Santo” podan verse
afectadas polo Brexit.
E en Escocia? A diferenza de ter unha líder
forte, segura e responsable que non deixa de recibir apoio, tanto dende o
exterior coma dende o interior, marca a
diferencia ; e o mais importante, voces
que en 2014 non foron favorables á independencia
de Escocia, amosan agora o seu inequívoco respaldo á Primeira Ministra.
A conexión con Europa e a situación d@s residentes
europeos nas Illas non pode deteriorarse e tanto Nicola Sturgeon como o Alcalde laborista de
Londres, Said Khan coincidiron en lanzar
mensaxes de agradecemento e benvida aos miles de cidadáns europeos que viven e
traballan na Gran Bretaña. Sturgeon foi
mais alá comprometéndose a protexer os dereitos de tod@s os residentes europeos
en Escocia: “Esta será sempre a vosa casa”
Lémbremos que a prensa tradicional en
Escocia xogou un papel propagandístico moi importante durante a campaña do
referendo. As cousas acaban de mudar radicalmente. Si o modo pánico se instalou
en Reino Unido, a indignación e a ratificacións dos seus dereitos democráticos
soa é unánime no pobo escocés.
A análise do Editor político do Herald
Scotland e as portadas do sábado do tan polémico Daily Record (que correu a alentar
incondicionalmente os movementos que faga a Primeira Ministra de Escocia,
Nicola Sturgeon) marcan unha viraxe radical.
O Herald Scotland avisou antes da
votación do 23 de xuño, que caso do xa coñecido resultado, revisarían a súa
postura oficial contra a independencia. Niso andan. E o Daily Record, un dos
xornais mais activos contra a
independencia e "culpable" de publicar as falsas promesas do
"Vow", apresurouse a rectificar tamén agora para asombro de moit@s.
As primeiras enquisas a favor da
independencia dispáranse o 60% e tanto o
Partido Liberal Demócrata coma o Partido Laborista escocés valoran dar o paso e
iniciar sen complexos este camiño, que sería a última das decisións a tomar
polo Goberno escocés, feitos previamente todos os deberes, reunións, consultas e pasos
anunciados oficialmente pola súa máxima representante.
En días vindeiros veremos os primeiros
pasos de Escocia na súa loita de permanecer na UE, na premisa de defender os
seus intereses e o seu status. Posiblemente empezaremos a coñecer por fin os
detalles dende o Goberno británico do que pensa facer a partires de agora.
E que papel debe ter o Goberno español? Primeiramente terán que explicar a súa
posición sobre Escocia e Norte de Irlanda e posiblemente, moitos dos lideres do
Partido Popular vivirán de por vida coa sombra da neglixencia da súa política
internacional cara a Reino Unido, e en concreto con Escocia. Sexa quen sexa
quen goberne en Madrid e aquí en Galicia, xa pode empezar a fortalecer as relación con
Escocia, para defender os intereses galegos, que son moitos, especialmente no
ámbito da pesca; os mesmos intereses que o Sr. Mariano Rajoy se encargou de
ignorar cando se dedicou a interferir nun proceso externo, tendo tanto lixo que
limpar na súa casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario