Vaites, pois vai ser que ao Sr. Feijóo non lle gusta o twitter… Seica aposta
por repetir coma Presidente da Xunta de Galicia e acusa aos seus adversarios de
frivolizar a política e “querer repartirse España no twitter”
Será que o Goberno galego non se
manexa ben nas redes? Será que a conta
oficial da Xunta foi pillada compartindo
varias veces idéntico contido que a conta oficial do PP de Galicia? Será que
malia os centos de contas con perfiles falsos e troles, as redes sociais
funcionan como medio alternativo de información que non atende a subvencións, e
iso, claro está, non mola?
O Sr. Feijóo , que critica o “postureo” da
política actual, intúe que grande parte
das redes sociais escapan ao seu control e dan voz a grupos de persoas ás que
dende o seu Goberno se lles quixo ou quere acalar. Quizáis descoñeza que quen
nos movemos no twitter estamos moi en contacto có que acontece na rúa, cós
problemas da xente do común; somos cidadáns aos que non nos gusta a realidade manipulada que nos presentan cada día os
propagandísticos medios de comunicación constantemente subvencionados por un goberno
desconectado totalmente da realidade do seu pobo, goberno que desgraciadamente
prefire outras compañías máis selectas.
É de supoñer que moit@s galeg@s
que andamos polas redes, ao exercer a crítica que outros non fan, tampouco lle gustemos ao Sr. Feijóo. Algúns, di, seica acabamos de chegar e non temos nin idea
do que queremos defender, aínda que xa pasemos dos 40 e levemos unha rodaxe
vital máis que suficiente para detectar cando se nos toma o pelo ou cando se
nos quere manipular.
O Sr. Candidato do PP prefire
estar en contacto coa realidade que se debuxa dende os despachos; prefire,
como non, estar en contacto con amizades que lle poñen ao día do que é mellor
para a elite á que representa, elite que choca radicalmente coas necesidades da
maioría da poboación galega.
Feijóo prefire estar en contacto
coas portadas dos medios, financiados
con cartos de tod@s polo seu goberno, que lle fan o xogo aos intereses e
interesados que camiñan da súa man; prefire
ler esas noticias debuxadas con mensaxes subliminares para mover ás ovellas dun
lado a outro; iso sí lle mola, claro, e non a realidade que se plasma nas redes
sociais, nas que moitas veces nos convertemos en reporteiros circunstanciais
para amosar realidades silenciadas ou presentadas interesada e parcialmente nos
medios afíns ao Sr. Presidente.
Quizais se tiveramos medios de
comunicación decentes e verdadeiramente independentes non teriamos que emigrar en
desbandada ás redes sociais coñecedores, é tan evidente, de que hai certos problemas
graves no país dos que nunca se vai informar amplamente porque esa non é a
realidade da que nin o Sr. Núñez Feijóo nin o seu Gabinete queren presumir, nacional
e internacionalmente.
Quizais o Sr. Presidente da Xunta
descoñece que cada vez máis xente evita escoitar as noticias cociñadas na TVG, onde
cada vez máis profesionais se rebotan por non poder emitir as noticias sen pasar antes por censura e consignas partidarias, tal e como denuncia “Eu non manipulo”; ou ignora que os
telexornais da TVE non deixan de recibir diariamente centos de queixas e denuncias
polo seu sesgo descarado e vergoñento.
Hai xa tempo, Sr. Feijóo, que a
xente do común está ansiosa por teren alternativas, tanto mediáticas como de
goberno. E non é postureo, é cansanzo, é indignación, é necesidade de
sobrevivir nun pais que tamén é noso e non só duns poucos.