domingo, 27 de marzo de 2016

Foi cuestión de tempo en Escocia... canto aprenderemos a lección en Galiza?

Este é o mapa político da representación de Escocia en Westminster dende 1955 ata a actualidade.  

Teño que admitir que cando o vin onte nas redes, sentín certo alivio ao ver como os conservadores escoceses (que en 1955 eran algo semellante ao PP de Fraga) empezaron a desvanecerse, ao tempo que incrementaban as políticas que atacaban e ferían de morte os dereitos dos traballadores, dos máis indefensos; e con elas tamén menguaban e desaparecían as posibles políticas sociais e populares daquela época, xa que aceptaban, e mesmo promovían, que Londres tratase a Escocia coma un cero á esquerda, beneficiando tan só a unha élite... (que panorama tan semellante temos aquí verdade? )

Levou un tempiño, si, pero a evolución política non parou e a representatividade escocesa mudou de cor.... laboristas e liberal-demócratas colleron o relevo, asegurando defender os intereses do pobo escocés; de feito foi co laborismo cando se logrou que o Parlamento escocés fose unha realidade... ata que chegou Blair... e o ataque sistemático aos intereses de Escocia... e a súa guerra de Irak... e o Scottish National Party (SNP) colleu forza, e Escocia empezou a falar con voz propia, a debatir sobre o seu futuro, democraticamente.

O SNP, (que non é perfecto, por suposto) naceu para defender a independencia de Escocia, está nos seus estatutos fundacionais; comprometeuse en 2007 a levar a cabo políticas dirixidas aos mais indefensos, aos traballadores, aos pensionistas, aos xóvenes, ás mulleres... O seu compromiso anti-nuclear é inamovible, tamén a súa aposta polas enerxías alternativas, pola sanidade e a educación universal, a súa defensa da pesca escocesa...; e mais actualmente a súa postura en canto a crise dos refuxiados, coas que está dando leccións de internacionalismo, de solidariedade, de empatía, de humanidade....

En 2011 o SNP conseguíu unha maioría absoluta nas eleccións escocesas, nun sistema que estaba deseñado para que ningún partido político lograse; o pobo escocés decidiu co seu voto romper a baralla e tiveron un referendo (e non morreu ninguén... foi entera e totalmente democrático, pacífico e enriquecedor!) ... a campaña do SI perdeu, é verdade, pero nas seguintes eleccións o SNP conseguiu 56 de 59 deputados en Londres (último mapa da foto), despois das mentiras que usaron conservadores-laboristas e liberal demócratas para evitar a toda costa a independencia desta Nación; e porque a xente entendeu cal era a prioridade para Escocia a unidade fíxose realidade...

Veremos que pasa en Escocia o 5 de maio, pero todo parece indicar que o pobo escocés vai optar maioritariamente pola cor amarela para debuxar o Parlamento de Holyrood...
Aprenderemos en Galicia/GZ? Cando nos levará aprender esta lección?


Ningún comentario:

Publicar un comentario