Cando
se coñeceu o coste ecolóxico e económico do proxecto do Corcoesto e
da Megaminería para que as multinacionais se levaran o suposto ouro
galego, a sociedade civil saliu á rúa, dando, como noutras moitas
ocasións, un exemplo de mobilización. En xogo estaba o futuro das augas,
da saúde, do ecosistema e do entorno de milleiros de cidadáns galegos. E gañouse a
batalla, porque a sociedade, as organizacións ecoloxistas, as
plataformas contra a megaminería... tiñan argumentos, sentido común e o
mais importante, tiñan a razón.
Agora,
outra gravísima ameaza planea sobre o País. Un Plan de Acuicultura
clonado doutros moitos ao redor do mundo; un plan clonado que dende anos
está recibindo severas críticas e informes oficiais dende países
Europeos que coma nós, viven da pesca e do marisqueo, coma por exemplo
Escocia ou Irlanda. Hai dous días, a STV escocesa publicaba unha noticia
sobre os serios problemas de toxicidade e insalubridade que veñen
xenerando estas piscifactorias, e a pouca regulación existente para
resolver estes serios problemas, non só para o peixe que se cria nestas
granxas, senón tamén para os exemplares salvaxes. O Goberno escocés,
púxose mans á obra.
Cando
a noticia deste plan chegou aos meu ouvidos, o primeiro que me veu á
cabeza foron varias preguntas: que foi a facer Feijóo en Xapón? Ten esa
visita que ver co enorme Plan de Acuicultura que dende a Xunta queren
impór, ainda en contra do sentir maioritario dos bateleiros,
mariscadores, artes menores...? Quen saca tallada de todo iso? Porque
este plan claramente vai perxudicar a TOD@S aqueles que viven do mar e a
curto-medio prazo, vai provocar a desaparición de miles de postos de
traballos; é mais, os informes que leo de Irlanda e Escocia, e mesmo de
Chile, este Plan suporía unha seria ameaza para a saúde dos galeg@s.
A que se debe o enrocamento da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, en negar,
por activa e por pasiva, unha solución ao sector do Cerco galego, que
leva acampado case dous meses, diante dos Edificios Administrativos de
San Caetano? Será que este Plan tamén tén que ver co proxecto de
desguazar mais de 500 barcos de distintas artes? Que ironía, non si? Que
dende a Xunta anuncien a bombo e platillo a promoción para os novos
emprendedores, animándoos a que se fagan con barcos de pesca para agora
recoller subvencións europeas e desfacerlles as empresas... quen paga as
débedas das miles de familias afectadas por estas políticas? A quen
defende Rosa Quintana?
Dende a Xunta fártanse de dicir que hai mas cota, hai mas cota, hai mas cota... quen e como se fai o REPARTO,
señora Conselleira? Por que non quere un debate público que Acerga ven
pedido por activa e por pasiva dende que empezou este conflito? Por que
non se quere facer un reparto lineal por tripulante, mais xusto, que
sería a solución perfecta, de querer resolver este problema?
Falan
de democracia... por que a señora Conselleira non visitou nin unha soa
vez aos mariñeiros de Acerga? Por que os ignora? Por que os insulta? Por
que esperar ata a lotaria de Nadal para facer o que un responsable
político ten que facer: mediar, conciliar, revisar acordos,
rectificalos, conciliar, RESOLVER conflitos (non crealos!!)? Que pasa na
Consellería do Mar que non hai intención de resolver nada?
Moitos
pensamos que si Rosa Quintana non quere resolver nada, debería
presentar a súa dimisión; moitos pensamos que é algo que debería ter
feito, por ética e dignidade hai tempo.Moitos nos preguntamos por que o
Sr. Presidente de todos os galegos non toma a decisión de cesala, algo
que debería ter feito cando a Sra. Conselleira a pifiou có problema do
Sector Leiteiro... Vailles no soldo asumir esa responsabilidade. Mais o
que ata agora, e durante mais de 55 días levan facendo dende a Xunta de
Galicia é nada mais e nada menos que deixación de responsabilidade.
Algún
día saberemos todas as respostas. Mais agora, de xeito urxente, fago un
chamamento a todo o sector pesqueiro, ás miles de familias que dependen
dos distintos sectores, ás asociacións ecoloxistas, ás organizacións
políticas, a xuntarnos todos, informarnos ben das consecuencias que ten
este Plan para toda a costa galega, para a economía galega a curto,
medio e longo prazo, e sair tod@s xunt@s a decirlle ao Sr. Presidente da
Xunta de Galicia que queremos vivir sanamente da nosa costa; a
esixirlle ao Sr. Presidente de tod@s os galeg@s, que o seu Plan non é o
noso Plan.
Artigo publicado en Sermos Galiza:
[OPINIÓN] "Chamada urxente para o sector pesqueiro", un artigo de @pilaraymara https://t.co/3jeAc46951
— Sermos Galiza (@SermosGaliza) diciembre 17, 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario