mércores, 28 de outubro de 2015

Sobre a Pesca galega e o que lle importa Galicia aos Gobernos español e galego #memoriahistórica #Pesca #Galicia




Hai pouco mais dun ano, o 11 de setembro, o meu home Douglas i eu asistimos a unha rolda de prensa internacional en Edinburgh, representando a Sermos Galiza, xornal có que colaboro sempre que podo. Alex Salmond concedeume a primeira pregunta e aproveitei para cuestionar  ao daquela Primeiro Ministro escocés sobre si  unha Escocia independente permitiría o acceso da flota galega á augas territoriais escocesas.

A pregunta viña a conto pola actitude do Goberno español de ameazar con vetar que Escocia pertencese a Unión Europea en caso de acadar a súa independencia. Nun proceso legal e vinculante como o escocés, nada tiña que dicir nin o Goberno español, nin outros moitos que se dedicaron a meter medo á poboación.

Escocia celebraba referendo de independencia  legal e acordado co Goberno británico, pero ao Goberno español de Rajoy, obsesionado có tema Catalán, non só meteu as narices onde non lle chamaban, senón que ademais, pouco lle importou por en risco un dos mais importantes sectores de importación/exportación e consumo de Galicia.

A meirande extensión das augas territoriais de Reino Unido pertencen a Escocia, e por ela transitan barcos pesqueiros e de mariña mercante galega, ou mesmo barcos con tripulación galega aínda sendo empresas mixtas. Moitos, os que coñecedes o Gran Sol, sabedes de que estou a falar.

Aínda que os intereses de Escocia e Galicia en materia de pesca son diferentes,  os escoceses sempre mantiveron unha actitude solidaria durante as negociacións en Bruxelas. Non tiña ningún sentido que o Goberno español bombardeara unas boas relación, polo seu pánico e a súa propia neglixencia no seu territorio. 

A miña intervención foi recollida non só por Sermos Galiza, senón pola BBC e a ITV e outra prensa británica que estaba presente na rolda de prensa, e tivo especial relevancia por varias razóns:

1º) Porque a miña pregunta deulle pé a Alex Salmond a rebater amplamente o  posible veto có que ameazaba o Goberno de Rajoy sobre a pertenza ou non de Escocia na UE caso de acadar a independencia.

2º) Porque a miña gravación que fixen foi, para moitos escoceses, fundamental para demostrar que Nick Robinson, xornalista da BBC, manipulara descaradamente a contestación que  Alex Salmond deu  a unha pregunta sobre a filtración ilegal de datos feita por Londres e pola propia BBC.

Tamén, e a modo de anécdota, esta xornada foi motivo dun cameo, no recen publicado libro do meu queridísimo amigo Peter Curran, no que recolle no seu relato de ficción, a miña pregunta e aproveita para explicar a importancia do sector pesqueiro galego. Grazas, querido Peter.


Aquí vos deixo de novo a miña intervención, para que a escoitedes, e entendades, que si o Goberno español non nos defende, e se o goberno galego non é quen de defender os nosos intereses, haberá que cámbialo, e empezar a votar a quen defenda os intereses das miles de familias implicadas no sector pesqueiro.





Ningún comentario:

Publicar un comentario