
A ninguén se lle escapa a situación que están atravesando todos os nosos sectores primarios. Levamos uns anos nos que as mobilizacións non cesan; cando non son os afectados polas preferentes, son os emigrantes retornados, a sanidade pública, os músicos de orquestras , os gandeiros, ou os de Navantia... agora, e unha vez mais, os armadores e mariñeiros do Cerco.
Hai unas semanas, paseando por Portosín, miraba como os barcos do Cerco se
preparaban para saír a faenar. A máquina do xeo e o seu son tan
característico sumábase ao do vento tolo dese día. Outros barcos de artes varias acababan de
chegar, eran as 5 da tarde e levaban no mar dende as 4 da mañá.
Un dos mariñeiros, de mans e rostro curtido da mar, laiábase ante as miñas
preguntas sobre as mobilizacións na zona: “Non,
nena, sonche eses de aí, os do cerco... nós somos de artes varias... pero os
galegos non che somos unidos, muller; deberíamos estar unidos porque todo o
sector da pesca está desaparecendo... mais así somos, bos para os demais, malos
para nós mesmos”.
Do mesmo xeito que non se pode entender esta Terra sen os nosos gandeir@s,
tampouco se pode entender Galiza sen o mar nin sen os nosos mariñeiros faenando
nel. A práctica totalidade dos pobos da
costa vive do mar: Malpica, Sada, Cariño, Ares, Bueu, Vigo, Portosín, ... milleiros
de persoas implicadas e afectadas por cada golpe dado ao sector.

“O Goberno xoga a desunir... e así estamos, premia a uns poucos para
fomentar divisións, e os beneficiados, calan” contábame un dos afectados. Así
é, dende a administración galega promoveuse e fomentouse a desunión, a mentira
e as picardías; e a cambio recibiron cero protección fronte as inxustizas no
reparto de cotas... non lles interesa, porque non lles interesa Galiza, só
manter as súas cadeiras e os seus soldos e asumir cero responsabilidade.

Aínda que din estar moi agradecidos coas mostras de apoio que reciben,
detrás de chanzas e charlas informais, planea a evidente preocupación de todas
e de cada unha das familias que están pendentes deles, de cada paso que dan, de
cada xuntanza, de cada mobilización.
Os armadores de Acerga teñen responsabilidades, moitas, cada barco leva 10
persoas como tripulación, teñen que pagar seguros, gas oíl , nóminas... e
multas. Cada home acampado en San Caetano leva consigo as lousas das
responsabilidades empresariais, legais, económicas, bancarias e familiares.

P.D. Responsabilicémonos,
dunha vez por todas e sumémonos para entre todos xuntos facer mais forza e
lograrmos mais e mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario