martes, 1 de setembro de 2015

Candidatura galega : a necesaria terapia de grupo para Galiza #candidaturagalega #XuntosxGZ


Por momentos estar activa nas redes implica facer un exercicio de observación e contención enorme para evitar participar de polémicas vacuas. A xente opina, pregunta, debate, indaga, espía... moitos moi educadamente... outros buscando ofender, insultar e destruír... Afortunadamente, tal e como lembraba Nicola Sturgeon recentemente, twitter ten dous botóns, un para silenciar e outro para bloquear.

Cando Suso de Toro me convidou a participar  na organización do 25 de Xullo unitario/conxunto (ou como queirades chamarlle), pensei en todo momento que estaba a facer o adecuado, a apostar polo adecuado; a min non me mandou ninguén, eu fun, participei, e aportei o mellor de min e a miña visión e opinión do porque a unidade é imprescindible non só para que Galiza teña voz propia no Congreso, senón para que o pobo galego recupere a auto confianza e o poder que nos foi arrebatado. 

 "En política, coma na vida, hai que traballar con insistencia, con argumentos, con principios, sumando, non restando, integrando, non excluíndo, con seguridade, con humildade, pero sen perder a autocrítica, porque perdendo a capacidade de autocrítica e de rectificación, a revolución non é posible" dicíame un sabio cubano que loitou có Che en Sierra Maestra.

Temos, entre moitos malos hábitos neste País, o de pór etiquetas a todo o mundo, moitas veces para xustificar as nosas propias penurias, ou defender un pobre argumento cheo de inconsistencias, ou disimular unha ambición  desmedida. De ter  que etiquetarme, eu, que non milito en ningunha organización, son persoa politicamente concienciada, declárome nacionalista e internacionalista, humanista, coidadora, irmá, filla da nai que me pariu e das que a vida me puxo no camiño para coidar de min... e participo e me implico libremente das actividades que entendo interesantes, sen mirar quen as convoca.

Vouvos contar unha cousa,  hai xa meses que veño notando o nervosismo dalgunhas persoas afíns ao PP (si ledes ben, do PP), algúns deles están empeñados en etiquetarme (a min e a outros) coma militante (e por tanto monicreque, din) do BNG... Algo moi grande debe estar acontecendo para que estean tan preocupados;  algo debemos de estar facendo ben para que non lles asente o cu na cadeira. A miña preocupación é que estes  días tamén vexo comentarios nas redes de xente afín a  organizacións progresistas facendo xusto a mesma apreciación, e non podo mais que pensar: ... que amarga coincidencia... 

Non teño nada en contra do BNG, é mais, recomendaría a todo o mundo que revise ás hemerotecas e arquivos audiovisuais tanto do Congreso coma do Parlamento galego ou no Europeo para que se coñeza ben o traballo inmenso que levan facendo durante anos. Cando menos merecen todo o noso respecto e mesmo admiración nalgún caso concreto. E penso que é de necios negar que están facendo un enorme esforzo tratando de rectificar erros (que non é nada doado) e que optaron pola vía correcta de querer adaptarse aos tempos actuais e seguir sendo útiles á sociedade; se hai volta atrás, repetiranse os mesmos erros internos unha e outra vez ata o exterminio da organización. 

Vivindo nun pais de envexas como este, no que todo o mundo quere ser o protagonista pero que á vez di non querer selo, hai quen só se limita a desacreditar aos que lles toca asumir responsabilidades poñéndolles etiquetas e afondando nas feridas do resentimento e da desunión.  (Por certo, que esta é e vai ser a tendencia de La Voz de Galicia e amigos: fomentar estas loitas, diferencias e  contradicións para evitar a unidade que buscamos e precisamos. Divide et impera).

Pero dáse a casualidade de que moit@s, @s mais, queremos a unidade, unha verdadeira unidade, non é unha pose, é unha conclusión consciente e madura, con total responsabilidade. Aquí, como en todos lados, como non traballemos xuntos e nos deixemos de fomentar odios e resentimentos,  estamos fodidos, e todos e cada un dos que participa destes comportamentos serán os únicos responsables de destruír a Nación que din querer tanto. Somos as persoas todas (as que militan en organizacións políticas e as que non) as que debemos decidir e/ou aprobar nomes, formas e candidaturas, e coido que niso andan agora tanto Iniciativa Pola Union e Marea Galega, e espero que continúen traballando xuntas ata lograr unha única lista galega de unidade. E, por certo,  mil grazas a quen está  traballando arreo, sacrificando moito tempo persoal nisto.

O Grupo Parlamentar Galego non é a nosa única solución, iso é evidente,  pero é sen dúbida un primeiro paso para non quedarmos mudos no Estado, para que se escoite a nosa voz e canto mais forte, mellor, defendendo os intereses da Nación Galega, porque iso somos, Nación. E, por suposto, este movemento non pode nin vai quedar aquí. Hai moito traballo que facer, moita xente á que convencer con alternativas claras enriba da mesa, moitos caciques e tecnócratas que vencer; eses, os que están desfacendo este Pais e os que dende Madrid xa están traballando para que non haxa grandes cambios, son o inimigo a vencer.
Hai anos que na rúa estase falando de unidade, ANOS, si, esta idea non é unha novidade política, a exclusividade desta fórmula é do pobo. A xente do común, mirando dende fora o funcionamento das organizacións políticas e logo as propostas que presentaban, non entendía nin entende porque defendendo as mesmas cousas os partidos non traballaban xuntos (menos o vai entender agora que a situación é de máxima gravidade). 
Dende a unidade, como si de terapia de grupo se tratase, cunha catarse profunda e con políticas progresistas poderemos logralo, dende a unidade de acción, dende o entendemento e a boa disposición, porque dende o resentimento  non se logra a unidade popular; dende o resentimento o que fomentamos e a medra de cancros políticos que se expanden á sociedade; dende o resentimento, tan só continuaremos sementando o terreo para que os de sempre continúen frotándose as mans e queimando o País, deixando ao pobo indefenso pola nosa irresponsabilidade. 

Traballemos xuntos polo noso presente, polo noso futuro, polo futuro das xeracións vindeiras; polos que estamos aquí e polos que tiveron que deixar a súa casa e emigrar.  Medremos e sexamos maduros. Adiante, agora é o noso momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario