domingo, 12 de outubro de 2014

De Galiza a Escocia... a información é o que conta #indyref #Scotland #Galiza #thevow

Hai uns dias, seguindo o debate sobre o Estado da Autonomía de Galicia ,o Sr. Feijóo aseguraba que Escocia acababa de votar Non a mais autonomía; e mira que  ten ao seu lado tantísimo asesor e xente supostamente tan ducha na materia política do Reino Unido como pode ser o Sr. Pedro Puy, mais ninguén lle deu boa información ou o fixo rectificar; podemos facer cábalas e barallar se dito gazapo foi por ignorancia, por estratexia ou porque simplemente o tema de Escocia xa non interesa... erro,  e mais no caso da nosa nación.
Por suposto, esta aseveración do Sr. Feijóo sobre o proceso escocés pasou desapercibida para moit@s galeg@s pola cantidade de mentiras e barbaridades que o presidente da Xunta de Galicia foi soltando ao longo do día. Pero non podía pasar desapercibida por min, nin por aqueles que estamos pendentes do que aconteceu e acontece no país nórdico.

Precisamente os escoceses ao que dixeron non foi á independencia porque, entre outras razóns, os partidos unionistas axudados enormemente polos medios de comunicación, violaron a purdah e prometeron un voto (the Vow, algo solemne dende o punto de vista do honor anglosaxón) con moitas mais competencias e poderes para Escocia. O Voto do que ainda non pasadas 8 horas posteriores ao reconto comezaron a renegar e nas seguintes semanas derivou en peticións para ser respectado vía plataformas coma change.org ou 38degrees; o tan publicitado "Vow", continua provocando portadas tan patéticas como as do xornal que asumiu a responsabilidade de publicar tal estafa: o Daily Record.

A espera estamos das primeiras xuntanzas da Comisión Smith, ente encargado de dirixir as negociacións do dito voto, que xa que abriu o prazo para que todas as organizacións, particulares e partidos aporten as suas propostas de mais competencias. Os partidos maioritarios xa comunicaron o nome dos delegados que defenderán tales propostas, non sen certa polémica.

O Goberno escocés, que continua apostando pola independencia, aférrase ao quase sagrado do "Vow" e ven de presentar as suas propostas da voz e tinta da que sen dúbida será a seguinte First Minister de Escocia a partires de Novembro: Nicola Sturgeon: http://www.scotland.gov.uk/Resource/0046/00460563.pdf

Namentres, continua a polémica sobre a actuación da oficina do Tesouro Británico que filtrou datos sensibles sobre o Royal Bank of Scotland, acto que viola as normas internacionais de comercio e que pode mesmo ser considerado criminal; é por iso que Alex Salmond ven de denuncialo oficialmente e solicitar unha investigación sobre ditas filtracións. 

Persoalmente estou desexando ver publicado o libro de Alex Salmond, "100 dias" sobre a campaña do referendum, no que prometeu revelar detalles sorprendentes. Espero poder contarvos pronto sobre el. 

Algúns apostaban a que a credibilidade da BBC melloraría ao rematar o referendo. Non podían estar mais errados. O auto dano infrinxido é grave e profundo. Un non deixa de preguntarse cómo se verá afectada a canle de acadar o Goberno escocés o control sobre BBC Scotland, tal e como se está a esixir vía change.org, ou no caso de acadar a independencia. Sen dúbida moi poucos xornalistas poderán manter as etiquetas de "obxectivos" e profesionais.

 E nas rúas, a loita continua. En Glasgow celebrouse o Rally "Hope over Fear" onde milleiros de persoas lanzaron a mensaxe de que non se van quedar na casa man sobre man. Seguirán traballando e vixilantes dos pasos daqueles que prometeron mais competencias, e cun obxectivo moi claro: a independencia do seu pais.

Unha última recomendación, se sodes d@s que gustades de series, recoméndovos que sigades "Outlander", chegado ao capítulo 4 ou 5, entenderedes porque estaba prohibida a súa emisión antes do referendo de Escocia... A memoria histórica pode ser unha poderosa fonte de información para calquera pobo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario