Cadernos de viaxe:
O Dereito e a
Política.
O Dereito e a
Política haberían ser útiles aos intereses xerais e boas ferramentas para
resolver problemas. Se non os resolven e mesmo se invocan para perpetuar os
existentes ou crear outros novos, compre reformalos para súa potencialidade ás
demandas sociais.
Analisando a cuestión
dende a visión puramente xurídica, o president catalá Artur Mas convocou este
día unha consulta non vinculante (non un referéndum, coma o escocés) ao abeiro
dunha lei catalá aprobada polo 85% do seu Parlament,
no exercicio legal dunha competencia autonómica que o Tribunal Constitucional
recoñeceu na súa sentenza do 2010, cando recurtou substancialmente o marco
estatutario pactado entre os Parlamentos estatal e catalán contribuíndo
moitísimo ao actual sentimento arredista de boa parte da sociedade catalá.
Porén, o artigo 161 da Constitución dalle ao Presidente do Goberno do Estado a
competencia que lle nega aos Presidentes da Xunta ou da Generalitat: a mera
interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a lei e/ou contra a
convocatoria da consulta determinará a suspensión da mesma en Dereito.
Mais o problema político non remata con esta suspensión.
Porque o conflito sítuase entre dúas lexitimidades que xurden do voto cidadán e
non se resolve antepoñendo España a Catalunya, nin unha cidadanía á outra. A
aparente contradición xurídica esixe unha solución política, moito máis cando a
recente votación escocesa aprendeunos que por votar non caen as pontes nin rachan
os países nin enferman as persoas. Á cidadanía catalá non se lle pode convencer
da súa eterna minoría de idade nin da súa incapacidade para decidir o que
nomeadamente lles cumpre dicir, malia que a cidadanía do conxunto do Estado
teña tamén dereito a determinar algunha das premisas do resultado final.
Entón, a solución é pactar regras de xogo que fagan viábel a
convivencia. O marco europeo habería garantir a unidade de mercado e a común
acción, moito máis entre pobos con semellantes vencellos históricos. Os mecanismos
de soberanía compartida, como ven de manifestar o lehendakari Urkullu, poden resolver a desafección.
Pero mirar cara outro
lado e chamar polos maxistrados do Tribunal Constitucional que nomeaches para
que che resolvan o problema non fai senón enquistalo e deixar ceibo o camiño á
gangrena.
(Moitas grazas X. Antón Pérez Lema)
Ningún comentario:
Publicar un comentario