sábado, 8 de febreiro de 2014

CAMERON, O CHOROMICAS



Van de sobrados, todos eles, Cameron, Rajoy, Osborne, Barroso, Van Rompuy, Alistair Darling… todos eles, os do Better Together (mellor xuntos), da igual que falen de Cataluña que de Escocia, porque eles meten todo no mesmo saco porque así o decidiron como parte da súa estratexia.
Cansados ata a saciedade de dicirnos que é imposible que o SI gañe en Escocia, e que a independencia non vai ser posible, que só un 29 por cento dos escoceses votarían SI e que a culpa de todo a ten Alex Salmond, agora vénse na obriga a cambiar de estratexia porque entraron nalgo que se pode chamar “modo pánico”... era visto.

Cameron, tan posh el, tan de elite e de alta clase pensou que os escoceses, eses salvaxes  do norte eran tan tontos que tragarían todas as historias de terror coas que lles levan bombardeando todo este tempo, dende que o Edinburgh Agreement fora asinado por el e polo Primeiro Ministro de Escocia.


Cameron, (do que Rajoy é fiel aliado logo de moitos encontros entre Tory e PP para facer fronte común), seguiu ata o de agora as directrices de non falar con seu adversario, de non debater en público, alegando “non querer interferir” nun proceso que pertence só aos escoceses; o noso amigo Dave non está só, conta coa BBC e STV (amais de xornais)  como cómplices pouco o nada democráticos nin  éticos que cada día  tratan “minimizar” a Salmond, presentándoo como o voceiro da campaña do Si nunhas entrevistas nas que a mala educación sobresae por riba do contido.

Pero os escoceses de parvos non teñen nada, os idiotas son outros. O voceiro do NON é Alistair Darling e o do SI Dennis Canavan, quen por certo, é un laborista, SI un LABORISTA, e coma el hai moitos mobilizándose para sacar adiante una vitoria positiva o 18 de setembro.

A Campaña do YES SCOTLAND é unha campaña de base con miles de voluntarios movéndose e informando cada día en todos os puntos do país, incansables e con razóns de peso, imparables, son xente coma min e coma ti, xente que quere un futuro mellor e están a traballar por iso. Con Blair Jenkins ou Dennis Canavan coma responsables, o Yes Scotland, está a facer unha impresionantísima campaña.


A Campaña do Better Together non é mais que unha pantalla, unha pantomima,  apenas ten xente na rúa, Westminster failles toda a campaña coa manipulación dos medios e as declaracións de membros Tory e os Laboristas “oficiais” escoceses... que xa poden ir pensando que van facer logo do 19 de setembro.

 Cameron “O Elitista”  entrou en modo pánico nestes últimos días. As enquisas, esas que aquí e alá falaban dun 29% de apoio á independencia, levan xa semanas decantándose cara un 45, medrando o SI a pasos de xigante…. É por iso que agora Cameron, pasará a historia, o que lle queda de historia ao Reino Unido como Cameron “O Choromicas”, non só polo lacrimóxeno discurso de onte; ao parecer cambiando de estratexia vai visitar Escocia… coma Rajoy con Cataluña, xa sabedes… provocando con iso que aos escoceses lles ferva o sangue votando masivamente SI á liberación do seu país dunha  casta que só mira polos seus intereses: a de Londres.

Se nun intento desesperado Cameron acepta finalmente un debate en vivo con Salmond, ímonos rir moito... moito e “O Choromicas” chorará a mares as consecuencias dos seus erros de cálculos froito da estupidez e prepotencia de quen ideou a estratexia a seguir polos Better Together.

Ningún comentario:

Publicar un comentario