martes, 25 de febreiro de 2014

ABERDEENSHIRE E OS VISITANTES QUE TIÑAN COUSAS QUE CONTAR


Da visita de Cameron a Aberdeen co seu Gabinete pódense contar moitas cousas, unha delas é que o primeiro que veu de Escocia e que compartiu  Cameron no seu twitter foi, claro está, unha foto do que mais lle interesa: unha plataforma de petróleo; non sei se pretendía mais tarde darse un baño de masas... houbo baño de masas?

Pois non, evidentemente, nada de paseos pola rúa, nada de contacto coa xente para contestar ás súas preguntas, xuntanza a porta pechada e, como non,  entrevista nada espontánea na STV para deixar dúas cousas ben claras. A primeira é que o goberno de Westminster vai respectar o Edinburgh Agreement ( varias voces unionistas dende a Cámara dos Comúns deixaran entrever, xerando certa alarma,  que podería non ser así); a segunda cousa que quixo aclarar foi que o goberno de Westminster apoiará a solicitude de Escocia para pertencer a UE, iso si, parapetándose nas escabrosas declaracións de Barroso, que xa múltiples voces dende a propia Comisión Europea se encargaron de desdicir e rectificar. Do debate con Alex Salmond nada de nada, dálle a risa... si, a min tamén... e aos escoceses nin vos conto.

http://www.scotreferendum.com/
A uns 11 quilómetros de onde Cameron esquivaba ao pobo, Alex Salmond e o seu Gabinete asistían a un dos case diarios e habituais encontros con votantes indecis@s. Nestas xuntanzas o presidente escocés  fai unha alocución e posteriormente ábrese rolda de preguntas, onde se poden escoitar distintas visións, preocupacións e medos d@s asistentes. O Goberno escocés non lle ten medo ao contacto co pobo, está claro. Gustaríame ver a algún dos gobernantes deste país exposto e respondendo ás preguntas dos cidadáns, con risco de que te fagan preguntas incómodas...  iso aquí non pasa.
O Goberno escocés que defende, por principio  o dereito de calquera pobo a ser soberano e a decidir o seu futuro, é consciente que un cambio no futuro de Escocia só se vai poder levar a cabo convencendo e dando argumentos de peso á cidadanía. Moitos pretenden minimizar o Libro Branco escocés. Non creo que 56.000 exemplares repartidos só en papel sexa un número que non se teña que ter en conta, e menos cando o propio Libro Branco da resposta ás preguntas que os propios cidadáns formularon  ante este proceso ao que lle quedan menos de 7 meses de vida ata que coñezamos o resultado o 19 de setembro.
www.yesscotland.net
Por suposto, hai moito mais debate que o institucional, hai moitas visión diferentes respecto á divisa, á ecoloxía , á monarquía, á defensa; pero laboristas, nacionalistas, verdes, mulleres, pensionistas, académicos, mocidade, taxistas, veteranos de guerra… están concentrados en participar todos os días nas distintas actividades da campaña de Yes Scotland que recolle todas as tendencias para poder lograr a independencia co voto de tod@s eles.
As enquisas móvense fortemente  a favor do SI (aínda que algún gusten de manexar datos de hai 4 meses) e  a campaña do NON, a  Better Together que optou por aterrar á xente de Escocia vese desarmada  e ridiculizada cada día polo xigantesco movemento de base nas rúas  e nas redes sociais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario