venres, 29 de novembro de 2013

O LAMENTABLE ESPECTÁCULO DO PROXECTO MEDO #ProjectFear #Indyref #Scotland

Preguntas ao Primeiro Ministro  - 28 DE NOVEMBRO DE 2013




O debate que tivo lugar no Parlamento escocés o pasado 28 de novembro durante as preguntas ao Primeiro Ministro, non ten prezo e merece unha mención especial.
 Foi moi curiosa a  insistencia e belixerancia da oposición (Tory-Labour-LibDem) sobre as escabrosas declaración de Rajoy  e o posible veto español a pertenza de Escocia a Unión Europea.
Para quen non lembre, ou non teña coñecemento, vos direi que as máquinas do Better Together se puxeron en funcionamento  haberá agora mais dun ano con encontros entre o PP e os Tory primeiro en Manchester (Félix Pons e compañía, en sepulcral silencio ata que a noticia se filtrou á El Periódico)  repetindo un ano mais tarde coa Sra. Camacho (PP) reunindose con Ruth Davidson (Tory), e finalmente dos Laboristas e membros do PSOE mais tarde. A premisa era traballar xuntos contra o independentismo e trabar, fose coma  fose, os avances do YES, xa que Escocia podería ser un exemplo mais que inspirador para outros moitos proxectos independentistas no resto de Europa, e mais en concreto en España co problema Catalán e Vasco.
Para iso,  fundamentarían o seu discurso en varios puntos, que os distintos sectores que engloban o  YES SCOTLAND están a neutralizar  con tesón e sentido común. Aquí tendes algún dos argumentos unionistas:
1º)  Non  hai información suficiente, os cidadáns non están ben informados e non saben qué están votando cando voten un SI. (Argumento este repetido ata a saciedade).
(Neste punto haberia que recordar a quen esgrime este argumento, que cada un, a título individual, ten nas súas mans a responsabilidade de buscar información sobre algo que é do teu interés e actuar en consecuencia)
2º) Unha Escocia independente quedaría fora da UE. 
(As políticas de integración da propia Unión Europea e o seu discurso, xuntos mais fortes, non teñen base nen fundamento para unha negación á que Escocia sexa membro de pleno dereito. Estamos a ver nestes días, os mega esforzos que están a facer para que Ucrania se integre na UE)
3º) Unha Escocia independente  tería que ter como moeda o euro se quere estar na UE ou non poderia utilizar a libra esterlina (en qué quedamos, pode ou non pode estar na UE?)... 
E digo eu, sendo un país independente, quén impediría a Escocia ter a súa propia moeda?
4º) A economía escocesa sufriría un golpe terrible ao deixar de formar parte de UK, xa que a débeda se multiplicaría. Basear a economía no petróleo do Mar do Norte, é unha loucura.
 (é por iso que Westminster ten ameazado con facer outro referendo nas illas do mar do Norte para decidir se queren ser parte de UK ou de Escocia, ou que vai nacionalizar as plataformas petrolíferas do territorio escocés.... é unha loucura, claro...)
Hai outros moitos argumentos do Project Fear-Proyecto Miedo, tan faltos de fundamento como os que acabo de expoñer, pero para que teñades unha idea, creo que chegan ben.
Penso que non é casual que xusto cando o Goberno de Escocia presenta o Libro Branco que marca a folla de ruta cara a independencia, xusto cando aparece un argumentario sólido e ben fundamentado que remata coas dúbidas que os cidadáns escoceses poderían ter,  aparezan as declaracións de Almunia primeiro (PSOE, pedindo o voto negativo) e Rajoy despois, e insinuando que Escocia tería que pedir a entrada a unión europea sendo unha “rexión” nova... e que os escoceses deberían estar ben informados de isto.
Está claro que o “Proyecto Miedo” e o “Project Fear” están a seguir un guión ben preparado para trabar os avances do voto YES en Escocia e de paso, e como intercambio: evitar que o casos catalán ou o vasco se lles desmanden e a saber qué promesas de beneficios económicos futuros...
O que está claro é que cando mais gritan e protestan, é que mais nerviosos e mais inseguros están, xa que saben, e o saben moi ben aínda que a prensa unionista e eles mesmos insistan en que non é así, que as sondaxes marcan un claro ascenso do SI á independencia.
Habería que preguntarse qué vai pasar en caso de que Escocia consiga a Independencia. Porque en primeira instancia temos que lembrar que o PP terá que convocar eleccións mais ou menos no 2015. Quén estará no Goberno entón? Rajoy? Chamádeme ilusa, mais eu non o creo.
Sexa PP-PSOE-UPD ou quen sexa que estea no Goberno español despois do 18 de setembro de 2014 e se Escocia gana a independencia no referendo, realmente sería o Goberno español tan imbécil e irresponsable coma para pór en perigo as múltiples empresas española que hoxe teñen negocios en terras escocesas (Iberdrola, por exemplo)? sería tan imbécil e irresponsable como para vetar a entrada a Escocia na UE e poñer en perigo miles de licencias de pesca en augas territoriais escocesas ou posibles postos de traballo nos astaleiros ou nas plataformas de petroleo escocesas?
Escocia, NACION (que quede ben claro), ten total dereito a pertencer a UE, de feito xa pertence a UE, ten dereito a ter a moeda que queiran os escoceses, e ten dereito a pór as condicións que os escoceses consideren oportunas a aquelas empresas españolas que queiran facer negocio no seu territorio.
O verdadeiro problema é que Escocia opta por unha Europa cunhas políticas non de austeridade senón de dereitos civís e sociais, Escocia opta por unhas políticas non xenófobas, senón de integración, Escocia opta por unha sociedade mais igualitaria dentro da UE, cousa que non pode decir Westminster, quen ten prometido un referendo para decidir a saída ou non de UK da Unión Europea.
E isto, entre outras cousas, é o que lles preocupa, que as condicións non as vai marcar Westminster, senón Holyrood, e Escocia non vai a andar con tonterías porque será un país independente que terá que falar por si mesmo e defenderse por si mesmo.
É por iso, que vamos ter que prepararnos, e moito, xa que o (PP-PSOE-Tory-Labour-LibDem) Project Fear van continuar co seu plan B cheo de xogo suxo e van seguir dando espectáculos como o que onte tivo lugar no Parlamento escocés. Realmente lamentable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario