martes, 21 de maio de 2013

A SABEDORIA DO NATURAL E O NOSO ESTADO DE BENESTAR


Cando o equilibrio natural se ve comprometido buscamos solucións de forma instintiva. Ninguén gosta de sentirse mal, tanto física como emocional ou mentalmente. Ter saúde significa ter equilibrio e benestar. De feito, ter saúde é o verdadeiro estado de benestar.

O instinto de supervivencia é innato nos seres vivos, ao igual que a busca da sanación; ben é certo que hai entornos e hábitos que son mais doados que outros para atopar ese balance,  ao igual que hai patoloxías mais habituais que outras dependendo de onde vivas ou te relaciones. Actualmente nos invaden as  enfermidades emocionais  e psicosomáticas para  delicia e beneficio económico das compañías farmacéuticas.   

No ano 92  escoitaba en voz dun médico cubano como a grande comunidade china que viviu en Cuba instalara na illa a  sabedoría ancestral da súa medicina; o mesmo fixo a comunidade árabe e tamén os herdeiros da cultura africana que mantiñan a súa conexión coa natureza, e os remedios herbais entremezclados con ritos de relixións animistas. O “yerbero” era a persoa encargada de abastecer as peticións para cada caso e ninguén dubidaba do seu coñecemento. Estas opción “alternativas” eran aceptadas, integradas e respetadas polos organismos oficiais da saúde.
 
Non hai moito, un amigo arxentino contábame  como na súa terra vivía una señora que diagnosticaba mediante a observación da cor dos ouriños  a trasluz e como era recoñecida polos médicos que recorrían a ela en casos rebeldes onde o diagnóstico non estaba claro despois das probas correspondentes.  
 
Hai uns meses, camiñando polas montañas de Escócia, explicábanme das propiedades do sphagnun (herba da montaña ou musgo da turbera) que foi utilizado durante a 1ª Grande Guerra para cauterizar as feridas e parar as hemorraxias.

Pero non temos que irmos moi lonxe para coñecer que é e cómo funciona a  medicina natural. Aquí, na nosa casa, nesta Galiza tan fermosa e chea de historias de menciñeiras, parteiras e meigas,  de seguro lembraredes que non hai moitos anos, as nosas nais e avoas parecían ter a receita perfecta para cada unha das doenzas que ían aparecendo ao longo dos anos de infancia, adolescencia, madurez e vellez.

Quén non coñece a infusión de manzanilla para as dores de estómago, a  tila como sedante para os nervios ou casos de insomnio, as sopas con avea e levadura de cervexa para a recuperación da perda de sangue das recen paridas ou os anises para axudar a subir o leite e axudar nos cólicos.  Ao mellor tampouco vos soan raros algúns remedios como as fregas e os caldos de ortigas para as gripes e os eccemas, ou as  inhalacións de eucalipto para os catarros ou sinusites,  emplastos de nogueira para as hemorroides ou de pataca crúa en caso da inflamación de próstata, ou cravo para as infeccións e as dores dentais...

Tratando de facer unha relación de remedios populares (que non de supersticións)   a listaxe parece non ter fin; elas (e eles) parecían sábelo case todo, e en verdade así mesmiño era;  o coñecemento popular,  froito da ancestral observación e experiencia, se viña transmitindo  oralmente dunha xeración a outra en todas as culturas coñecidas, e chegaba a nós  de xeito natural e fluído, axudándonos a acadar o benestar.

Todo o mundo coñece o ben facer d@s compañedor@s e dos seus marabillosos emplastos herbais. Ou as propiedades terapéuticas dos lodos (ricos en silicio, principalmente).

E qué dicir das propiedades dos balnearios: os baños termais, os baños de asento, os maniluvios e pediluvios; qué palabras mais raras, verdade? De seguro que pensades que é algo moderno cando lle dicimos “spa”.... moderno.... que llo digan aos romanos, aos turcos, aos gregos...
 
 

Antano o contacto coa natureza era moito mais forte que o que temos agora e os estímulos artificiais non nos afogaban tanto; as prioridades foron cambiando, de igual xeito que o noso entorno e o noso xeito de relacionarnos, e a medida que isto acontecía, acabouse o escoitar aos nosos instintos primitivos con total atención a as cousas que tiñamos tan a man, perdendo así parte desa sabedoría popular e por ende as riquezas da observación e o  respeto mais fundamental por nós mesmos.

Todos teredes escoitado sobre a existencia das terapias orientais: acupuntura, moxibustión, yoga, tai-chi,  meditación, reiki, shiatsu...
 
 Non vos soarán estranas algunhas expresións que amosan un estado de ánimo ou unha patoloxía. A que coñecedes o “verde de envexa” “roxo de cólera”,? A observación das cores e o seu efecto terapéutico é unha constante dende hai milenios. Os exipcios, por exemplo, xa falaban do poder antiséptico que tiña a cor azul... os chineses outorgan a cada órgano diana ademais dunha cor, un sabor, unha estación do ano e un humor (ira, medo, preocupación...), e abofé que estarían moi de acordo có tan benquerido Sampedro cando dicía que a forza destrutiva mais poderosa é o medo.

Evidentemente a ningún médico se lle ocorrerá dicir que isto non ten fundamento. Múltiples investigacións científicas avalan a meirande parte destas terapias ou descubriron e recoñecen os principios activos dos que xorden moitas das medicinas que se consumen.
 Hai anos que o Dalai Lama é o impulsor e promotor duns importantes  Congresos de Investigación Científica sobre os beneficios neurolóxicos da meditación, participando neles os mais prestixiosos investigadores, cirurxiáns e neurólogos, xunto con teólogos, filósofos ou estudosos das artes orientais.

Cada pobo, cada cultura ten os seus propios remedios;  mais o que realmente temos que preguntarnos é o porqué nalgúns países eses remedios naturais ou alternativos (fitoterapia, cromoterapia, acupuntura, reiki, sales de Shüesller, homeopatía, flores de Bach...) están recoñecidos e admitidos no sistema sanitario e o propio doente pode elixir a  qué tipo de terapia quere e ter acceso, e porqué noutros países nin sequera se nos recoñece o dereito a existir.

No caso de Galiza, ao contrario do que pasa en Catalunya, non existe nin tan sequera unha norma que dea cobertura ás medicinas naturais, que regule os estudos destas terapias evitando deste xeito as tan temidas presenzas de intrusos e estafadores. Me consta que moitos terapeutas da chamada “medicina holística” gastamos moito interés, tempo, cartos e recursos en formarnos sen ánimo de ser intrusos de nada, senón coa esperanza de sermos recoñecidos ou ao menos respetados de igual maneira que nós respetamos aos profesionais alopáticos e cumplir a nosa función na sociedade.

Eu persoalmente coñecín o reiki hai xa 15 anos e podo dar fe de que é unha terapia complementaria estupenda, que non ten contraindicacións,  e que como complemento á outras terapias ben alopáticas, ben holíticas, ten uns resultados fabulosos.
 

No resto do estado español, o reiki, terapia recoñecida pola OMS (Organización Mundial da Saúde), é xa aplicada dende hai moitos anos en centros sanitarios e hospitalarios públicos e moitos profesionais da saúde a reclaman e a recoñecen os seus efectos positivos. Comezouse aplicando en casos de oncoloxía e doentes transplantados e dos resultados poden dar fe tanto os profesionais que o viviron coma os receptores de tal terapia.

En Catalunya, en Euskal Herria, en Madrid, en Andalucía, existen grupos de voluntariado que ofrecen sesións de reiki en centros de saúde. Moi poucos de vos sabedes que as Federacións esixen ter asumidos códigos deontolóxicos que recollen as normas de non intrusión e respeto  á clase médica entre outras cousas.

Unha regulación sería de moita axuda tamén para non se  tomar tan a lixeira a medicina natural á que moitos acoden coa errónea premisa de que non fai dano. Os que  coñecemos e estudamos durante non poucos anos as propiedades das plantas ou terapias alternativas,  temos que saber cales son as doses, en qué casos se deben pautar e as contraindicacións ou a toxicidade das mesmas, e temos igual problema que moitos profesionais convencionais que se desesperan ante os efectos tanto da mala praxe coma ante a endémica  tendencia á automedicación. Imprescindible pois lembrar que dereitos e deberes, responsabilidade e ética deben ser asumidos totalmente.

A medicina natural, as medicinas alternativas son tan serias como a medicina tradicional occidental, e merecen a consideración, integración e cobertura legal. Os que optamos por estas opcións temos conciencia suficiente como para exercer seriamente. Se conseguiramos este recoñecemento de xeito oficial os cidadáns estarían moito mais protexidos dos chamados neglixentes, intrusos ou estafadores, e estou segura que poderiamos mellorar moito a atención e cobertura sanitaria.

Un último apuntamento:  ben sexa a nosa elección a vía da medicina tradicional ou a da holística, debemos lembrar que estes son vehículos para restaurar o equilibrio biolóxico, debemos ter presente a necesidade de sermos responsables das nosas accións, observarnos a nós mesmos e rectificar aquelas actitudes e hábitos que nos desbaratan tal benestar é unha obriga a asumir por cada un de nós. A medicina preventiva empeza por coñecernos, observarnos e rectificar o que nos é prexudicial, non o esquezades, os médicos ou os terapeutas non facemos milagres, aínda que ás veces o pareza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario